18/12/08

Contaconto: ¿A que sabe a lúa? (¿What does the moon taste like?)

2/12/08

Visitáronnos na Biblioteca ... as nenas e nenos de 4 anos


Contaconto: "A castaña que estoupou de risa"

Aquí tedes o conto que presentaron hai uns días as nenas e nenos de 5º curso, dentro das actividades de contacontos dos xoves. Eles mesmos fixeron a historia e os debuxos ademais de poñer as voces.

Enhoraboa polo ben que lles quedou e desexarlles que segan traballando coa mesma ilusión.

3/11/08

Guía de lectura de Animalandia

O equipo de Biblioteca do colexio elaborou recentemente unha guía de lectura cunha selección de libros e outros recursos relacionados co mundo dos animais. A selección está clasificada por idades, salvo no apartado de libros de consulta. Podedes acceder a ela desde aquí:

15/10/08

Reapertura da Biblioteca para o novo curso: ¡Benvidos a Animalandia!

Como xa sabedes, esta semana abrimos de novo a Biblioteca do centro. Pero non pensedes que estivemos de brazos cruzados ata agora,todo o contrario, nas últimas semanas dedicámonos afanosamente a preparar o que tedes agora a vosa disposición. Houbo que adquirir e catalogar libros, preparar a ambientación, etc. Neste trimestre eliximos como tema "Animalandia", enfocando a lectura aos libros relacionados cos animais. Ademais dos profesores, os rapaces e rapazas, sobre todo os de 3º ciclo, entregáronse con moito entusiasmo a esta tarefa, tal e como podedes ver nas fotos seguintes:



Despois do traballo, chegou o día da apertura, o pasado luns, día 13. Para celebralo,quixemos facer algo especial. Para empezar, invitamos a tódolos nenos e nenas do colexio e ao mesmo tempo invitamos tamén a uns cantos animais, polo que foi unha experiencia sorprendente sobre todo para os animais xa que nunca estiveran nun colexio e moito menos nunha biblioteca. Tamén acudiron algúns pais e nais cos nenos/as máis pequenos. Fixemos un xogo cunha presentación no proxector e incluso houbo unha pequena merenda para tódolos asistentes. No ximnasio organizouse tamén unha exposición de animais gracias á colaboración de todos.
Aquí tedes algunhas fotos dese día:


Agora xa está todo listo, xa só falta que aproveitedes o que preparamos para vós.
Benvidos ao novo curso da biblioteca e non vos perdades este blog, que ides ter noticias ao longo de todo o curso.

19/6/08

Contacontos do curso 2007-08

Para rematar o curso queremos traer aquí algúns dos contacontos que se fixeron durante o mesmo e que non poidemos poñer no seu momento porque aínda non tiñamos este blog.
Un dos máis interesantes e divertidos foi "Sopas y fideos", sesión celebrada o 23 de novembro e na que participaron alumnos/as de Infantil e Primaria. Como recordaredes, as actuacións remataron cunha grande chocolatada. Este é o video dese día:

18/6/08

Centenario de Curros Enríquez


Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova no ano 1850. Levou unha vida errante de xornalista combativo, e como poeta formou xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, a gran tríada do Rexurdimento Galego.
De ideario político federalista e progresista, participou na proclamación da I República española en 1873, adheríndose máis tarde ao rexionalismo galego.
En 1894, obrigado polas dificultades económicas, marchou para Cuba, onde traballou con intensidade en prol da cultura galega.
Falleceu na Habana (Cuba) o 7 de marzo de 1908.

Obras:
A Virxe do cristal (1877)
Aires da miña terra (1880)
Eduardo Chao: estudo biográfico-político
El maestre de Santiago
O divino sainete (1888)
Paniagua y compañía. Agencia de sangre

Con motivo do centenario da súa morte, este ano estanse a celebrar unha serie de actos na súa honra en toda Galicia. No noso centro tamén quixemos participar na homenaxe e por elo, os rapaces e rapazas de 6º acudiron en días pasados á Rúa Curros Enríquez de Verín a un pequeno acto, do mesmo xeito e á vez que en moitas outras localidades galegas que contan cunha rúa dedicada a Curros. Os alumnos/as interpretaron diversas melodías con gaita e percusión e recitaron o celebre poema "Cantiga". Este poema, como sabedes, despois da súbstitución do primeiro verso por "Unha noite na eira do trigo" convirtiuse nunha das baladas máis fermosas do repertorio tradicional galego.

Cantiga

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sen trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
"Xa no mundo ninguén;
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben".

Os seus ecos de malenconia
camiñaban nas alas do vento,
i o lamento
repetía:
"¡Vou morrer e non ven ven o meu ben"!.

Lonxe dela, de pe sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América,
vai o probe, infelís amador.

I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
"¡Quén pudera dar volta -pensaba-,
quén pudera con vosco voar! ..."

Mais as aves e o buque fuxían
sin ouir seus amargos lamentos;
solo os ventos
repetían:
"¡Quén pudera con vosco voar! ..."

Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡qué tristeza en vos hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar! ...

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou soio, de bágoas a proba,
unha cova
nun outeiro
i on cadávre no fondo do mar.
(5 xunio 1869)

5/6/08

Cómics gañadores do I Concurso de Banda Deseñada

Recéntemente celebrouse o I Concurso de Banda Deseñada da Biblioteca do cole, concurso ó que lle faltou algo de participación por parte dos alumnos/as, xa que houbo poucos traballos presentados. Estades un pouco perdoados porque foi o primeiro pero para o próximo ano esperamos que vos presentedes en masa e que fagades uns cómics estupendos.
Traémosvos aquí os traballos gañadores deste ano.
Para ver estes traballos tedes que facer clic no medio da imaxe, o que vos levará a outra ventá. Nesa ventá hai un icono na parte superior no que si pinchades poderedes ver os cómics a pantalla completa. Podedes ir pasando as páxinas como se fora un cómic impreso. Para saír da pantalla completa, pulsar Esc.

Festival das Letras Galegas 2008

A pasada semana celebramos o Festival das Letras Galegas coa participación dunha parte importante dos nenos e nenas do colexio. Ademais de recitado de poesías, cancións, etc., realizouse a entrega de premios dos Concursos de Contacontos e de Banda Deseñada, así como da Liga de Fútbol Sala.
O Concurso de Contacontos e de Banda Deseñada enmárcanse dentro das actividades da Biblioteca do colexio. Os gañadores en cada unha destas especialidade foron os seguintes:

Concurso de contacontos:
1º ciclo
Alfonso Seoane , Toni Porto e Anxo Rodríguez, por “A familia Bender"
Sara Guerra , Leticia Lozano e Laura Fernández, por “O paiaso e a nena"
2º ciclo
Álex Lorenzo e Daniela Domínguez, por “Luis e o ordenador", por "A familia Sabores"
3º ciclo
Diego Estévez, por “Pedro o Esparramado”
Inés Vaz, Alejandra Franco e Lucía Díaz Picolino, por “Tonechos 6. Secuestro de Amadora"

Concurso de Banda deseñada:
2º ciclo
Adrián González Salgueiro: “As chapuzas de Hugo”
Aarón Rua González: “Os animais van ao cole”.
Álvaro Fernández Yáñez: “Unha de extraterrestres”.
3º ciclo
Lucía Díaz Nicolino e Ana Vázquez de Amorín:”Un anxo caído do ceo”
Arcadio Álvarez Zurbano e Fernando Gómez González: "Un heroe na cidade"

19/5/08

Correlingua 2008: "365 días, en galego cabe todo"

Este ano celébrase unha edición máis do Correlingua, que ten como lema "365 días, en galego cabe todo". Rapazas e rapaces de 4º, 5º e 6º estiveron na festa que tivo lugar o venres en Verín por este motivo. Os de 4º cantaron a canción "Lela", os de
5º cantaron "Marica no muíño" e os de 6º interpretaron a canción "O galego sempre triunfará". Ademais de participar, pasárono fenomenal, tal como podedes ver nestas fotos:


16/5/08

Letras Galegas 2008


Como sabedes, mañá sabado é o Día das Letras Galegas. Esta data vense celebrando desde o 17 de maio do ano 1963 porque nese día conmemorouse o centenario da publicación do libro de Rosalía de Castro "Cantares galegos" e foi entón cando se decidiu que a Real Academia Galega escoller un autor galego para homenaxealo na mesma data tódolos anos.
No colexio, desde hai tempo, estamos facendo actividades relacionadas co día das Letras, que este ano se lle dedica a Xosé María Álvarez Blázquez.
Presentámosvos aquí unha pequena mostra dalgúns destes traballos.

En primeiro lugar tedes o mural que prepararon en 6º, no que aparece como centro o galego en forma de sol irradiando a súa enerxía en tódalas facetas da nosa vida.
Este é outro dos traballos de 6º, no que se expoñen os autores aos que se dedicou este Día das Letras desde o seu inicio.

Tamén os de 3º fixeron estes murais:


A semana que ven imos continuar preparando cousas para esta conmemoración e especialmente para o festival que celebraremos o xoves. Estade atentos porque aquí tamén daremos conta delo.

13/5/08

Recibimos a visita de Sabela Gago

Hoxe estivo no colexio Sabela Gago, que nos veu contar uns contos marabillosos e moi entretidos. Xuntounos no ximnasio do colexio e comezou a contarnos o conto de Polichinela, Poliplasta e Petit Pois, e máis tarde o da mosca chinchosa, o camaleón multicolor, o loro parlanchín e outros moitos personaxes. Dende o principio meteunos nos contos e fíxenos actuar a todos. Aprendimos a imaxinar e a interpretar, ¡foi moi divertido!.
Ao final contounos que eses personaxes estaban dentro dos libros e que para que non estiveran alí tan apretados era necesario que foramos á Biblioteca e os abríramos. Así que xa sabedes ...


III Concurso de Contacontos. 2º e 3º ciclos.

Tedes tamén aquí algunhas imaxes das anteriores sesións do concurso de contacontos, nas que participaron os seguintes alumnos/as:

2º ciclo:
Isabel, Avelino e Ana, co conto “Maruxiña”
Alex e Daniela, con "Luis e o ordenador"
Mayka, Xosé Manuel e Carolina, con “O roubo das cenorias”
Ivana, María e Noa, con “Amigos de sempre”
Marta, Joseba e Sabela, con “A familia Sabores”
María, Sara e Sofía, con “A eiruga Gus”
Alba Rodríguez, con “As mil mañas”
Alba Rivero, con “Os tres carameliños”

3º ciclo:
Diego Estévez, con “Pedro, o esparramado”
Ana Rodríguez, con “Cuestión de sorte”
Lucía, Shaila e Javi, con “Os dous namorados e a cabra”
Alfonso, con “Tomé e o dicionario máxico”
Cristina, Patri e Marylin, con “A peiteadora de ideas”
Inés, Alejandra e Lucía, con “Os Tonechos 6. Secuestro de Amadora”
Roi, con “O galo pinto”
Carlos e Miguel, con “O país da fantasía”

8/5/08

III Concurso de Contacontos

Como sabedes, estamos a celebrar o 3º concurso de contacontos. Hoxe foi a terceira fase, na que participaron os nenos e nenas do 1º ciclo, cheos de entusiasmo e ilusión por facelo o mellor posible.

Estes foron os participantes de hoxe:
Alfonso, Toni e Anxo, co conto "A familia Bender"
Sara, Iria e Alba, con "O mundo dos soños"
Sara, Leticia e Laura Fernández, con "O paiaso e a nena"
Nerea, Xurxo e María, con "O espantallo, o corvo e a gata"

6/5/08

I Xornadas do Cómic

Dende hai algunhas semanas estamos a celebrar as I Xornadas do Cómic no colexio. Por este motivo comezamos ambientando a biblioteca con debuxos de personaxes, "empapelado" da porta de acceso con follas de cómics, colocación de cómics nos expositores da biblioteca, etc. Tamén ambientamos a entrada do colexio con personaxes que invitan a visitar a biblioteca e ao mesmo tempo recordan as normas da mesma.
<


O seguinte paso foi elaborar un Taller de Cómics para os nenos e nenas de 2º e 3º ciclos. Entregóuselles un dossier cunha serie de directrices sinxelas para a elaboración dos debuxos e guións e de seguida se puxeron a traballar na creación de cómics.

Unha vez feita esta aprendizaxe hoxe decidimos convocar o I Concurso de Cómics. A data límite de presentación dos traballos é o 20 de maio.

23/4/08

Día do Libro

En tal día como hoxe, 23 de abril, no ano 1616, morrían os escritores Miguel de Cervantes e William Shakespeare, motivo polo que, como sabedes, celébrase o Día do Libro. No colexio, naturalmente, quixemos sumarnos a esta celebración e para elo programáronse diversas actividades. Neste blog tedes imaxes dalgunhas delas.


Dende a primeira hora xa se notou un ambiente diferente no colexio. De súpeto apareceron no patio diferentes persoaxes cun libro na man, persoaxes que parecían saídos dalgún texto literario ou mesmo da vida cotidiá. Máis tarde tamén fixeron aparición no recreo.
No salón de actos (é un eufemismo) houbo unha escenificación baseada na obra de Cervantes e Shakespeare, que podedes ver no seguinte vídeo:

6/4/08

Xa estamos aquí!

Hoxe inauguramos o noso blog da Biblioteca do CEIP Amaro Refojo de Verín.
Somos novatos nesto, así que teredes que ter paciencia con nós:)

Benvidas e benvidos!