23/4/10

23 de abril, Día do Libro


Chegou o Día do Libro e, naturalmente, preparamos unha serie de actividades para celebralo. Aquí tedes un resumo delas:

Pola mañá, na entrada ao colexio apareceron de súpeto unhas "Damas Misteriosas" que, movéndose polo patio, ían voceando unha serie de frases. As mesmas damas foron despois polas aulas repetindo as frases e anunciando unha actividade na biblioteca.
A media mañá puidemos asistir a unha nova representación de "Gaspar, o pastor de lebres".



Na biblioteca celebrouse un concurso para encontrar as frases das Damas Misteriosas, no que houbo moita algarabía e ilusión e abundantes premios.

22/4/10

Contacontos: Gaspar, o pastor de lebres


Xa chega o Día do Libro, o 23 de abril, como tódolos anos (unha data que algo ten que ver con Cervantes e Shakespeare, ... ¿sabedes o qué?). E por este motivo, hoxe pola tarde imos dedicarlle o contacontos a esta celebración. O conto leva por título "Gaspar, o pastor de lebres". Será ás 4,15 h. no ximnasio, como sempre.

E mañá, o propio Día do Libro, témosvos reservadas algunhas sorpresas. ¡Estade atentos!

4/3/10

Próximo luns pola tarde: Recital de Poesía no día da Muller Traballadora



Como sabedes, o próximo luns, 8 de marzo, celébrase o Día da Muller Traballadora. Con motivo delo, temos preparado un RECITAL DE POESÍA para ese día ás 4 da tarde. Recitaranse poemas dos libros "El secreto del oso hormiguero", de Beatriz Osés, e "Palabras Brancas", de Elvira Riveiro Tobio.

"El secreto del oso hormiguero" contén uns poemas cheos de ternura e humor que están protagonizados por un vello tigre e unha nena. Unha noite, unha nena pídelle ao tigre que lle lea. O tigre iralle relatando un a un, desde a balea á formiga, como se enfrentan cada un de eles á noite, cos seus desvelos, cos seus pesadelos, ...

El viejo tigre
sabe de la noche,
sabe de las hadas…
Enciende luciérnagas,
me cuenta en voz baja.
Conoce el misterio
del lirón pequeño,
de los bichos bola,
del oso hormiguero.


"Palabras Brancas" é un poemario construído unicamente con palabras que só conteñen a vocal "a", polo que os poemas resultantes están cheos de musicalidade e ritmo, tal como comprobaredes ao escoitar o recitado. Para mostra, este poema:

- Mamá, papá: as palabras danzan?

- As palabras danzan
a danza das algas,
as palabras cantan
samba nas gargantas,

as palabras saltan
nas camas, tras as sabas,
as palabras van
das carballas ás sabanas,
ar nas bafaradas,
mar das balandras:
as palabras.

...
As palabras mancan,
as palabras sandan.


Non olvidedes, pois, que o luns 8 tedes unha cita no colexio de Primaria pola tarde...

20/10/09

Un mundo de libros

Neste curso decidimos abrir a biblioteca cun novo centro de interese: o mundo, a literatura relacionada con outros países e culturas, a xeografía, etc. Por iso puxémoslle o título "Un mundo de libros". Como vedes nesta presentación, xa está todo listo, só falta que agora vos animedes a dar unha volta por este mundo máxico.


29/5/09

Premios do Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez


Como xa sabedes, varios alumnos/as do colexio presentaron traballos a estes dous certames convocados polo Concello de Verín para fomentar a creatividade literaria dos estudantes dos centros de ensino da comarca. No noso caso, a participación culminou con éxito, pois tódolos traballos presentados tiveron premio. Estes foron os premiados:

Certamen de Relato Curto Antonio Fernández Pérez:
Josué, de 5º nivel (3º premio)
Sabela, de 5º nivel (mención especial)

Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez:
Esther, de 6º nivel (1º premio)
Alejandra, de 6º nivel (2º premio)
Lucía, de 6º nivel (3º premio)

Os poemas presentados podédelos ler máis abaixo, no libro de poesía que colgamos na entrada de Actividades do Día do Libro.

Contacontos de Sabela Gago e entrega de premios dos concursos da Biblioteca


Onte pola tarde tivemos unha nova sesión de contacontos, e unha vez máis estivo Sabela Gago para contarnos esas historias nas que o pasamos tan ben. Como outras veces, fixo saír a algúns nenos/as adiante para axudarlle cos personaxes,levounos polo seu mundo de imaxinación e ao final incluso tomounos un pouco o pelo.

Ao rematar Sabela, tivo lugar a esperada entrega de premios do 4º Concurso de Contacontos e do concurso das Letras Galegas. Os gañadores foron:
4º Concurso de Contacontos
1º Ciclo:
Xabi, de 1º
Juan, de 1º
2º Ciclo:
Iria, Alba, Noelia e Sara, de 3º
Maika e José, de 4º
Alicia e Noa, de 4º
3º Ciclo:
Esther, de 6º
Sabela, Marta e Joseba, de 5º

Ademais de para os gañadores, houbo premios para todos os participantes nas tres fases finais. Parabéns a todos e que sigades lendo e contando historias tan divertidas.

22/5/09

IV Concurso de Contacontos: 3ª fase

A 3ª fase do concurso de contacontos celebrouse onte xoves pola tarde. Tocáballes aos nenos e nenas de 1º ciclo os cales impresionaron a todos pola súa valentía no escenario e porque o fixeron de maravilla, para deleite de todo o público asistente que, como nas fases anteriores, foi moi numeroso.